A pedestre da Amaía non aceptará inscricións o mesmo día da carreira


FONTE: LA VOZ DE GALICIA | 22/09/2015

A edición número 33 da carreira pedestre da Amaía celebrarase o domingo 4 de outubro e repartirá máis de 1.000 euros en premios. O Concello de Brión lembra que non se admitirán inscricións o mesmo día da proba, polo que aquelas persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da web (http://carreirapedestredaamaia.blogspot.com.es/) antes das dúas da tarde do 30 de setembro. As inscricións dos adultos custarán 5 euros e os menores de 12 anos non pagarán.

A competición manterá o mesmo percorrido que no 2014, cando se eliminou a tan temida costa de Quintáns coa que se iniciaba tradicionalmente a carreira. Deste xeito, os corredores partirán ás 11.15 horas da Carballeira de Santa Minia para cubrir unha distancia de oito quilómetros.

O percorrido, con saída e chegada na Carballeira, baixará pola avenida de Santa Minia para cruzar as aldeas de Pedrouzos e Liñares, desde onde se collerá pola estrada provincial até o límite con Brión de Abaixo. Os atletas subirán polo Casal para regresar á aldea de Liñares. O último tramo levará aos corredores polo paseo de Pedrouzos, Lamiño ata Brans de Abaixo, con volta á Carballeira.

OS MÁIS PEQUENOS
Ás 10.30 horas será a quenda para os máis pequenos, que percorrerán 350 metros (de 5 a 7 anos), 500 metros (de 8 e 9) e 700 metros (de 10 a 12). Todos os menores que participen recibirán a súa medalla e haberá trofeos para o tres primeiros clasificados de cada categoría, para o tres primeiros e tres primeiras da clasificación xeral e para o primeiro home e primeira muller empadroados en Brión.

1 comentario: